LIBROS MAN A MAN
Como estudantes de xornalismo, sempre tivemos unha especial sensibilidade pola literatura, a cultura e o compromiso social. Tanto é así que decidimos desenvolver Libros Man a Man, unha ferramenta apoderante e solidaria en que o acceso á lectura é un dereito para todas as persoas, sen importar a súa situación económica.
Queremos demostrar que é posible facer comunidade de forma autoxestionada. En Libros Man a Man, a colectividade colabora xunta por un fin común: crear en Compostela unha Rede de Bibliotecas Populares.
Tomando a xenial iniciativa de Adrián Antonio n'A Horta da Avoa (Rúa do Carme de Abaixo) e a súa biblioteca popular, decidimos espallar a filosofía de "Coller un, deixar o que poidas" e convidar a xente a compartir historias!
Comezamos con poucos puntos, mais a nosa intención é seguir axudando a que Compostela reborde de libros dispostos a vivir unha nova vida noutro fogar. En todas e todos nós está seguir partillando páxinas e tinta e compartindo cultura!
En varias librarías da cidade están a establecerse pequenos espazos que operan como Biblioteca Popular. Calquera persoa que queira pode coller un libro sen ter que rexistrarse nin ter obriga de devolvelo.
Iso si: na filosofía desta iniciativa está o compartir; polo que, aquelas persoas que teñan libros de seu esquecidos nos andeis da súa casa, poden participar das sinerxias da rede e fornecer de máis libros a biblioteca. Soamente ten que deixar o libro nese espazo para que viaxe!
COLLER E DEIXAR
